Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso.
Pode obter máis información, ou ben coñecer como cambiar a configuración do seu navegador, na nosa Política de cookies
Sala de prensa

Sala de prensa

Presentación do proxecto 'Life Fluvial', no Día Mundial da Auga

Novas |

Neste 22 de marzo, Día Mundial da Auga, dedicado este ano á importancia da conservación da natureza para manter limpas as fontes de auga potable, foi presentado na Aula de Natureza de Chelo (Coirós) o proxecto Life Fluvial. Emalcsa colabora nesta iniciativa co Instituto de Recursos Naturais e Ordenación do Territorio (INDUROT) da Universidade de Oviedo; o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural da Universidade de Santiago; o Instituto Superior de Agronomía da Universidade de Lisboa; a Asociación de Desenvolvemento Rural das Mariñas-Betanzos; a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo; a Reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón; Tragsa e o Concello de Ribadeo.

O obxectivo de Life Fluvial é a mellora do estado de conservación de corredores fluviais atlánticos na Rede Natura 2000. Para cumprir esta meta, desenvólvese unha estratexia transnacional en todo o noroeste da Península Ibérica, para a xestión sostible dos bosques higrófilos (húmidos) nos cursos de varios ríos. Isto supón enfrontarse a ameazas como as especies invasoras, a intensificación de usos humanos ou os problemas fitosanitarios.  Un dos seus escenarios de acción será a contorna do encoro de Cecebre.



Os traballos en Cecebre inícianse o vindeiro ano



As actuacións comezarán en abril de 2019, e consistirán na retirada de árbores mortas, sempre de xeito selectivo para non alterar o ciclo da biodiversidade; a localización e eliminación de especies invasoras, e a repoboación con árbores autóctona de 8,6 hectáreas de bosque aluvial.

Nas apertura das xornadas de presentación de Life Fluvial participaron o alcalde de Coirós, Francisco Quintela; a conselleira de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, Beatriz Mato; a concelleira de Medio Ambiente da Coruña, María García; o presidente da Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos e da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo; José Antonio Santiso; e o director técnico do proxecto Life Fluvial, Jorge Marquínez García.

Emalcsa está especialmente interesada na conservación dos hábitats naturais na contorna dos acuíferos, na liña que marca hoxe a celebración do Día Mundial da Auga. Os problemas ambientais, sendo o cambio climático o maior deles, están a provocar crises asociadas aos recursos hídricos en todo o mundo, como a seca que vivimos a finais de 2017 en Galicia. Neste contexto, a conservación dos bosques, o solo e a biodiversidade dos ríos e lagos é fundamental para garantir que dispoñemos de auga para beber.

 

O coidado ambiental, unha prioridade para Emalcsa

O compromiso de Emalcsa coa conservación do Medio Ambiente demóstrase con actuacións como a colaboración coa Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, na que se enmarca o encoro de Cecebre. En todo momento, a empresa municipal fai unha xestión do encoro na que é prioritario respectar a biodiversidade, con supervisión directa e implicación constante do noso persoal técnico. Un encoro vivo é un encoro que garante a calidade da auga para o consumo humano.

De igual xeito, os valores ecolóxicos son eixes centrais nas liñas de investigación de Emalcsa. Dan bo exemplo proxectos como iEcoCity, liderado pola nosa empresa e desenvolvido con fondos europeos e centrado no control do consumo no pequeno comercio urbano.. Non en van, o coidado ambiental é unha das liñas centrais na Cátedra Emalcsa, posta en marcha o ano pasado en colaboración coa Universidade da Coruña, e que pretende desenvolver o potencial de coñecemento de cara a mellora da sustentabilidade dos sistemas de auga urbana, con unha clara orientación o entorno galego como un centro de referencia para a mellora.

O seu primeiro froito e un plan de ampliación do coñecemento asociado o entorno do encoro de Cecebre, incluíndo o lago de Meirama como cabeceira da mesma e de gran transcendencia para o futuro da area metropolitana. Falamos da iniciativa GLEON, que propón incluír Cecebre coa sua motorización nunha rede científica internacional con instalacións similares para coñecer a situación, a evolución e os problemas e solucións das dinámicas das masas de auga continental, como o caso do encoro de Cecebre. A estas dúas iniciativas hai que sumar a labor divulgadora dos valores naturais asociado o certame de debuxo naturista e o recentemente proposto concurso escolar para darlles a coñecer aos máis novos o ciclo da auga na nosa contorna, porque aquelo que se coñece, respéctase.

As Nacións Unidas celebran o Día Mundial da auga desde 1993, co obxectivo de divulgar os problemas relacionados coa xestión da auga e concienciar á poboación da importancia de coidar o líquido que nos dá a vida. Un compromiso co que Emalcsa coincide plenamente.

Últimas novas

Emalcsa cumpre 40 anos +

Emalcsa cumpre 40 anos

A Empresa Municipal de Augas da Coruña naceu un 7 de xullo de 1978, recollendo o centenario legado da compañía privada Aguas de La Coruña, S.A.