
O CEIP Isaac Díaz Pardo de Culleredo gaña o concurso ‘O xogo da gota’
Alumnado da clase de 5ºB do CEIP Isaac Díaz Pardo de O Burgo, en Culleredo, acadou o primeiro posto na final do concurso ‘O xogo da gota’, un certame de preguntas e respostas impulsado por EMALCSA e a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras de Mandeo a través do programa formativo ‘A auga non para’ co fin de dar a coñecer a procedencia da auga que se consume na cidade de A Coruña e arredores: o seu percorrido ou os procesos polos que pasa.
‘A auga non para’ é un dos tres programas formativos postos en marcha pola Empresa Municipal de Augas da Coruña, en colaboración con outras entidades, para ensinarlles aos nenos e nenas a importancia da auga desde unha visión integrada co medio ambiente e a sociedade.
Neste caso, ‘O xogo da gota’ contemplou unha participación online e presencial cun obradoiro previo realizado na propia aula do centro da man dun técnico de EMALCSA.
Como premio, toda a clase de 5ºB do CEIP Isaac Díaz Pardo poderá desfrutar dunha excursión guiada á contorna do encoro de Cecebre.
Na final tamén participaron o grupo de 6º do Colexio Fomento Peñarredonda, a clase de 5º do Colexio de Fomento Montespiño e a da 5ºB do centro Calasanz PP. Escolapios.