Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso.
Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración de su navegador, en nuestra Política de cookies
A nosa historia

A nosa historia

Recollemos o relevo da historia para preservar un servizo básico para os cidadáns da Coruña

O crecemento de EMALCSA é paralelo á evolución da propia cidade da Coruña. Dende hai máis de 100 anos, o servizo público de abastecemento de auga creceu e desenvolveuse ao ritmo dunha cidade puxante e que mira ao futuro.

Coruña romana

Non hai referencias sobre o abastecemento de auga da cidade romana, identificada en torno ás rúas Real e Rego de Auga e tamén na zona da Mariña e Porta Real. É moi posible que se utilizaran pozos individuais, traídas de auga dalgún manancial próximo ou alxibes de recollida de auga de chuvia.

A viaxe de auga de Vioño (século XVI)

Co crecemento da poboación, concentrada no istmo e na parte alta da cidade por motivos defensivos, a auga de pozos e alxibes comeza a ser insuficiente. Non obstante, os mananciais de auga potable atópanse terra dentro. No século XVI, Felipe II accede a custear a viaxe de auga dos mananciais de Vioño á fonte do Mercado, localizada xunto á Porta Real, na actual praza de María Pita. Outras dúas fontes importantes eran entón as das prazas das igrexas de San Andrés e San Xurxo.

O auxe comercial da cidade no século XVIII

O desenvolvemento económico da Coruña como urbe comercial e manufactureira fai necesaria unha condución para abastecer a unha poboación case dez veces superior á existente ao construírse a viaxe de Vioño. O proxecto realízao o enxeñeiro militar Francisco Montaigú e permite traer a auga a través do acueduto de Santa Margarita dende San Pedro de Visma. A viaxe de Vioño conectouse a esta nova traída para sumar os caudais de ambos mananciais.

Os usos da auga no século XIX

A Coruña afronta o novo século co mesmo sistema de abastecemento pero adaptado ás novas necesidades mediante un complexo sistema de conducións, depósitos e fontes públicas cos que as autoridades municipais tentaban incrementar os caudais e levar a auga ás zonas máis altas da cidade. Se ben os obxectivos lográronse en maior ou menor medida, o sistema fracasou no seu conxunto ao apoiarse en acuíferos que se esgotaban nas épocas de seca. Ademais, a contaminación da auga dos mananciais e as fontes provocaba a aparición cíclica de brotes de tifo.

A Primeira Concesión do río Barcés (século XIX)

Decidido a mellorar a calidade de vida dos coruñeses, o Concello encarga ao enxeñeiro de camiños Juan Manuel Fernández Yáñez a redacción dun proxecto de abastecemento que consistía na captación e transporte ata a cidade de 100 litros/segundo, tomados no río Barcés. As obras iniciáronse en 1893 e houbo que agardar a 1908 a que se iniciase o servizo, que incluía a distribución de auga a presión ás vivendas da cidade. Durante o proceso, non exento de dificultades, nace a Sociedade de Augas da Coruña SA.

Modernización (século XX)

A cidade medra. En xaneiro de 1912 anexiónase o veciño termo municipal de Oza e o dinamismo do porto e as novas industrias fan necesario que se poña en marcha un filtro lento na toma do río Barcés en Cañás, filtro que no momento da súa posta en funcionamento en 1915 era o segundo que se instalaba en España. Só catro anos despois faise necesario abordar a construción dun filtro rápido. A estación de tratamento de Cañás, rematada en 1925, segue en funcionamento actualmente.

A Segunda Concesión do río Mero. Os anos 30

En 1935 redáctase o proxecto de aproveitamento de augas do río Mero para a ampliación do abastecemento de auga á Coruña que da lugar á segunda concesión, tamén de 100 litros/segundo, e á construción da nova estación de tratamento de auga no lugar da Telva. A planta da Telva, terminada en 1941, e a estación Cañás, cubrirán o abastecemento da cidade ata que en 1963 se remata a ampliación da Telva, resultante da Terceira Concesión.

A Terceira Concesión (1953-1967)

Pese a que o proxecto da nova concesión de 375 litros/segundo se aproba en 1953, as obras non se acometen ata 1960 debido ás dificultades económicas polas que atravesaba a Sociedade de Augas da Coruña, derivadas do baixo custo das tarifas, a falta de capacidade legal para acceder a subvencións do Estado e o encarecemento do prezo dos materiais e a man de obra. Todas estas circunstancias obrigan aos xestores da Sociedade de Augas a ceder a Terceira Concesión ao Concello en 1967.

O crecemento da rede na década dos 70

A extensión da rede de distribución á cidade foi paralela ás sucesivas ampliacións da estación de tratamento da Telva. Tras abranger nos 40 e 50 os barrios altos dos arredores, Cidade Xardín e o Ensanche, estendeuse a partir dos anos 60 aos novos barrios e aos polígonos residenciais e industriais promovidos nos anos 60 e 70, de tal xeito que nunha década a rede duplicou a súa lonxitude. Os barrios altos da cidade resolvéronse con bombeos particulares ata que se construíron os novos depósitos de Penamoa, Eirías e o Vixía, elevados sobre o ceo da cidade.

1970, nacemento de EMALCSA

Aínda que a Sociedade de Augas da Coruña pasara ao control municipal dende 1967, o cambio á titularidade pública non se fixo ata 1978 coa constitución da Empresa Municipal de Aguas de La Coruña (EMALCSA), cuxo Consello de Administración preside a partir dese momento o alcalde. A revisión anual das tarifas e a mellora na xestión permite á empresa recuperar as perdas e estender a rede de distribución aos novos crecementos urbanos, ao tempo que se inicia a substitución das canalizacións de fibrocemento por canalizacións de fundición.

A presa de Cecebre

A partir de 1970 todos os concellos situados na cunca dos ríos Mero e Barcés demandaron auga tratada para as súas propias distribucións. En épocas de seca non podía garantirse o caudal suficiente sen regulación, polo que foi necesaria a construción, na confluencia dos ríos Mero e Barcés, da presa de Cecebre, cuxas obras comezaron en 1974. A presa de 20 m. de altura, crearía un encoro de 22 hm3, inundando unha superficie aproximada de 350 hectáreas. Dende ese momento, a presa convertiuse na obra emblemática da ampliación e de todo o abastecemento da Coruña.

O peche do ciclo da auga (1997)

EMALCSA participa na xestión de todas as etapas do ciclo da auga. Un proceso chave do ciclo é o tratamento e depuración das augas residuais da Coruña e a súa área metropolitana na Edar de Bens, cuxa construción se iniciou en 1997. Dende 2013, a xestión da planta de tratamento é compartida polos Concellos da Coruña (a través de EMALCSA), Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros.

Proxectos de futuro

Actualmente, está en marcha o proxecto de conexión do encoro de Cecebre e o lago artificial de Meirama. A Consellería de Medio Ambiente, EMALCSA e o Concello promoven a comunicación entre as dúas masas de auga, que fará posible que a comarca multiplique por sete a reserva que agora supón o encoro de Cecebre, que abastece non só ao municipio da Coruña, senón tamén aos de Oleiros, Arteixo, Cambre, Culleredo, Sada e Bergondo, polo que a poboación que verá garantida a súa subministración superará as 400.000 persoas.

A nosa empresa

Somos unha empresa municipal comprometida coa eficacia e a calidade do servizo.

Coñece máis