Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso.
Pode obter máis información, ou ben coñecer como cambiar a configuración do seu navegador, na nosa Política de cookies
Notas de prensa

Notas de prensa

A Escuela de Organización Industrial pon en marcha un proxecto de xestión eficiente de auga e enerxía para pemes coruñesas

Notas de prensa |

A Escuela de Organización Industrial (EOI), en colaboración con EMALCSA e co cofinanciamento dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), pon en marcha o proxecto "Ecoinnovación e xestión eficiente de auga e enerxía no municipio da Coruña". O programa pon a disposición das pemes un asesor con asistencia personalizada, e diversas ferramentas de xestión que garantan que as melloras neses ámbitos se poidan seguir controlando tras a conclusión do programa.

Trátase dun proxecto totalmente gratuíto e dirixido a pemes coruñesas, que ofrece cen prazas sen custo para todas as empresas que se inscriban antes do 30 de novembro. O seu desenvolvemento inclúe sesións de consultoría individual para realizar o diagnóstico da situación actual de cada participante con respecto aos consumos de auga e enerxía.

A partir da devandita diagnose individual realízase unha proposta personalizada de melloras para o aforro no consumo de auga e enerxía, e de formación sobre o uso dunha ferramenta on line. O proxecto complétase coa celebración de sesións de consultoría grupal para poñer en común os resultados obtidos e as experiencias, a través do networking.

A ferramenta smart que se proporciona permitirá aos participantes comparar os niveis de consumo de auga e enerxía de cada participante respecto á media do sector, monitorizar os propios consumos de auga e enerxía, obter gráficos e indicadores de consumo e ambientais, e acceder a manuais de boas prácticas con información útil sobre eficiencia e sustentabilidade.

A pesar de que o prazo de inscrición permanece aberto ata o 30 de novembro, as dúas primeiras xornadas celebraranse os vindeiros días 18 e 19 na Confederación de Empresarios da Coruña e no Centro Municipal de Empresas da Grela. Os interesados en acudir ou obter máis información poden dirixirse ao correo electrónico ecoinnovacion_coruna@eoi.es ou ao teléfono 672 129 860.