Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso.
Pode obter máis información, ou ben coñecer como cambiar a configuración do seu navegador, na nosa Política de cookies
Notas de prensa

Notas de prensa

Diferentes melloras na rede xeral obrigan a interromper a subministración de auga na mañá do xoves en Eirís e parte do Castrillón

Notas de prensa |

Dúas actuacións simultáneas de mellora na rede de abastecemento de auga obrigan a cortar a subministración este xoves, día 6, nunha ampla zona da cidade que comprende boa parte dos barrios de Eirís e O Castrillón, e que afectará a uns 6.500 clientes.

Por unha banda, procederase á instalación dos equipos de control necesarios para a mellora do sistema de telexestión das redes de abastecemento e saneamento no depósito elevado de Eirís, seguindo co plan de mellora tecnolóxica da rede emprendido fai xa uns meses por EMALCSA e que xa obrigou a outras manobras similares noutras zonas da cidade.

Por outra, e de xeito simultáneo, procederase á conexión dos tramos de rede que se renovaron nas rúas Castrillón, Oza dos Ríos e Abegondo. Trátase dun total de 280 metros de tuberías principais de fundición de 100, 150 e 200 mm de diámetro e que substitúen ás vellas canalizacións de fibrocemento. A instalación da nova condución que o xoves se conecta á rede xeral supuxo un investimento de 150.000 euros.

Con estas dúas actuacións, EMALCSA dá un paso cualitativo na calidade e a eficacia do abastecemento en toda a zona, ao tempo que avanza cara á modernización dos seus sistemas de control e telexestión, dentro do seu constante compromiso cos seus usuarios por manter os máximos niveis de satisfacción.

O horario de conclusión do corte é estimado. Durante todo este periodo a rede se considera en servizo, polo que se recomenda aos clientes que se aseguren de pechar todas as billas e tomar as precaucións oportunas. Non se descarta que durante os primeiros instantes da reposición do servizo se poidan producir episodios de turbidez pasaxeira. En calquera caso, EMALCSA garante en todo momento que a auga que chega aos fogares é perfectamente apta para o consumo humano e aconsella agardar uns minutos para que a auga recobre o seu aspecto normal.

A zona afectada polo corte, e que se recolle no plano adxunto, inclúe varias instalacións especialmente sensibles, como centros educativos, o Centro de Saúde do Castrillón, a residencia da Terceira Idade e Centro de Día de Santa Teresa de Jornet, o Centro Cívico e Biblioteca do Castrillón ou mesmo o Centro Oncolóxico de Galicia, entre outros. Todos eles están a ser avisados coa suficiente antelación e EMALCSA pon á súa disposición todos os medios ao seu alcance para minimizar o impacto do corte.

Para calquera dúbida, aclaración ou incidencia, os usuarios teñen á súa disposición o teléfono 981 24 23 22, que funciona a tempo completo.