Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso.
Pode obter máis información, ou ben coñecer como cambiar a configuración do seu navegador, na nosa Política de cookies
Notas de prensa

Notas de prensa

A Ronda de Outeiro quedou aberta por completo ás 20:10 horas, tras renovarse máis de cen metros de condución en seis días

Notas de prensa |

Ás 20:10 horas do día de hoxe quedou restablecida por completo a circulación na Ronda de Outeiro ─entre a estación de San Cristóbal e Pérez Ardá─ e na incorporación a Alfonso Molina que permanecía interrompida dende o pasado domingo 16 de novembro pola rotura dunha condución troncal da rede de abastecemento de auga.

Doce días despois da avaría, o traballo ininterrompido dun grupo de máis de corenta traballadores conseguiu solucionar a incidencia máis grave en canto ao tráfico de cantas se lembran na Empresa Municipal Aguas de La Coruña. Os últimos seis días, adicados á substitución de máis de cen metros de canalizacións, supuxeron un esforzo excepcional para sacar adiante unha obra que en condicións normais levaría arredor dun mes de traballo.

Ás oito da mañá de hoxe quedou finalmente conectada a nova canalización ao conduto troncal que une os depósitos de Eirís e o Ventorrillo, co que nas vindeiras horas a rede recuperará os seus trazados e as súas presións habituais. Cómpre destacar que durante estes once días de obras ningún cliente viu interrompido o servizo.

Tras o recheo, a compactación do terreo e a renovación da calzada, todas as vías afectadas pola rotura quedaron plenamente operativas. Nas vindeiras horas completarase a reposición de mobiliario urbano, de zonas axardinadas, de farois e doutros elementos danados polos traballos. Así mesmo realizarase un seguimento para vixiar posibles afeccións na calzada a consecuencia do inevitable asentamento da terra.

Tanto o presidente de EMALCSA, Carlos Negreira, coma o seu director xeral, Jaime Castiñeira, queren aproveitar a ocasión para agradecer aos coruñeses a súa paciencia e o seu comportamento cívico ante a situación, e pedir desculpas polas molestias causadas, alleas á vontade da compañía.

Así mesmo, valoran e recoñecen o esforzo realizado polos traballadores, sen cuxa xenerosidade e profesionalidade non tería sido posible solucionar este problema coa rapidez que se fixo. Máis de corenta profesionais de diferentes disciplinas traballaron día e noite para minimizar no posible as molestias causadas por este incidente e, ao mesmo tempo, manter á poboación informada ao minuto dos pasos e decisións que se adoptaban.

Por último, cómpre lembrar que, como é habitual nestes casos, durante as próximas horas existe a posibilidade de que se produzan episodios de auga turbia, que irán remitindo co paso do tempo. Calquera dúbida ou incidencia será oportunamente atendida no teléfono permanente 981 24 23 22.