
Completado o primeiro ciclo da FP DUAL de Técnico Superior en Xestión de Auga
O pasado 11 de agosto as instalacións de EMALCSA acolleron o último seminario técnico enmarcado no período de prácticas do alumnado que cursou o ciclo de FP DUAL de Técnico Superior en Xestión de Auga no CEIP Universidade Laboral de Culleredo. Esta formación, pioneira en Galicia, foi unha aposta de EMALCSA para mellorar a oferta educativa nun sector con moita demanda e con escasa oferta en España.
O seminario, relacionado coa análise dun proceso de contratación público vinculado a unha concesión de servizo de auga dun concello, foi o derradeiro dentro dun compendio de actividades que se levaron a cabo durante os dous anos de duración do ciclo e no que colaboraron empresas privadas e entidades públicas como a Universidade de A Coruña, colaborando con esta última a Cátedra EMALCSA-UDC para a coordinación de diversas iniciativas.
Durante estes dous anos o alumnado desenvolveu a súa formación teórica no centro escolar e as prácticas en EMALCSA. Así, durante dous períodos de seis meses levaron a cabo actividades en todos os departamentos da empresa para coñecer, de primeira man, o funcionamento de todo o proceso de xestión da auga.
No primeiro ano do curso, nove estudantes estiveron no almacén de EMALCSA, no departamento de redes de distribución da compañía de augas, na ETAP da Telva e tamén na área de Instalacións Interiores. Neste último caso aprenderon sobre a problemática das novas subministracións así como da normativa técnica relacionada coas instalacións de contadores e reformas.
No segundo ano os sete alumnos que continuaron coa formación pasaron dúas semanas en Atención ao Público, coñeceron os procesos de xestión e regulación da lectura dos contadores, participaron na área de Facturación e Cobro e na de Administración e Contabilidade, aprenderon sobre mantemento electromecánico, sistemas de monitorización ou control de calidade e tamén desenvolveron parte da súa formación no departamento de I+D+i.
Seminarios, viaxes, encontros dixitais, visitas ou colaboración con outras entidades públicas e privadas son algunhas das actividades e proxectos que complementaron este ciclo de FP DUAL de Técnico Superior en Xestión de Auga.