
EMALCSA#120, un proxecto de 20 millóns de euros para buscar solucións innovadoras que melloren a xestión da auga
EMALCSA organiza para o próximo mércores, 25 de xaneiro, un evento de presentación da primeira Consulta Preliminar ao Mercado no marco do proxecto de Compra Pública Innovadora denominado EMALCSA#120, o cal terá un orzamento superior aos 20 millóns de euros. Prevese que este proxecto se cofinancie mediante o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través da liña de Fomento de Innovación desde a Demanda (FID) para a Compra Pública de Innovación do Ministerio de Ciencia e Innovación.
Neste 2023 a Empresa Municipal de Augas de A Coruña cumpre 120 anos desde a súa fundación e por iso quere dar un paso adiante e afrontar os retos chegados do actual contexto social e medioambiental. Neste punto, EMALCSA aposta pola Compra Pública Innovadora para acadar sistemas intelixentes e sostibles que lle permitan actuar de xeito máis eficiente nun futuro próximo.
O obxectivo de EMALCSA#120 é explorar as capacidades de colaboración entre entidades público-privadas para desenvolver solucións innovadoras que permitan mellorar a xestión da auga aumentando de forma substancial a calidade de vida da cidadanía.
O acto será conducido polo director da Área de I+D+i da Empresa Municipal de Augas da Coruña, Ricardo Vázquez Pérez, e terá lugar ás 09:30 horas na Sala Leonardo da Vinci dos Museos Científicos Coruñeses. Será posible asistir tanto de xeito presencial (previa inscrición) como virtual, posto que poderá seguirse en streaming a través da seguinte ligazón.
EMALCSA#120 é unha iniciativa de longo percorrido que contempla retos verdadeiramente importantes e que abranguen desde a renovación das infraestruturas ata a adaptación dos procesos e a mellora da participación social da compañía. Entre os desafíos destacan a monitorización dos sistemas de auga, a eficiencia enerxética dos sistema de bombeo e potabilización da auga, a mellora dos procesos de relación das persoas co medio natural e mesmo o desenvolvemento dun xemelgo dixital.
A través desta Consulta Preliminar ao Mercado, Emalcsa buscará propostas de solucións innovadoras relacionadas co sector da auga que superen as prestacións das que hai dispoñibles actualmente no mercado e que poden ser presentadas por particulares, empresas, centros de investigación, universidades ou asociacións.
Más información no correo cpi2023@emalcsa.es.