Emalcsa volverá estar presente este ano no Día da Ciencia na Rúa e farao a través da Cátedra Emalcsa-UDC, que colabora coa organización desta xornada de divulgación prevista para o sábado 7 de maio no parque de Santa Margarita.
Ata alí, levará o dron subacuático “Ecomapper” que serve para estudar procesos como a eutrofización, un proceso que se ten convertido nun problema medioambiental debido á acción do ser humano.
Este dron é quen de medir parámetros da auga como a turbidez, o pH, a concentración de clorofila, a súa velocidade, temperatura e conductividade e tense utilizado non só no encoro de Cecebre, senón noutros lugares de España. O sábado os visitantes poderán descubrilo en primeira persoa.
Así, na carpa que a Cátedra ten preparada no parque levaranse a cabo outros experimentos relacionados, por exemplo, coa estratificación da auga, un proceso que tamén pode contribuír á eutrofización. Explicarase a densidade de diferentes líquidos e como varía a densidade da auga cando se conxela e se evapora, comprobarase que as augas a diferentes temperaturas non se mesturan e amosarase como crecen as microalgas.
Doutra banda, aproveitando a tecnoloxía de realidade aumentada, Emalcsa instalará paneis nos que, a través de códigos QR, poderanse coñecer as instalacións relacionadas coa auga urbana da Coruña e a súa auga metropolitana, como os depósitos de auga da cidade e a estación de potabilización da Telva.
Xornada libre de plástico
Ademais, Emalcsa quere facer deste Día da Ciencia na Rúa unha xornada libre de plástico, para iso instalará 8 fontes ao longo do recinto para que os visitantes e participantes poidan encher os seus envases sen necesidades de recorrer a produtos de usar e tirar.
De feito, repartirá entre os colaboradores da feira botellas para reducir así a produción de residuos e fomentar a sostibilidade.