Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso.
Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración de su navegador, en nuestra Política de cookies
Sala de prensa

Sala de prensa

Elixidos os gañadores dos II Premios Cátedra Emalcsa-UDC

Noticias |

Álvaro Michelena Grandío e Francisco Javier Ayala Esmorís son os gañadores da segunda edición dos Premios Cátedra Emalcsa-UDC. Ambos foron elixidos por unanimidade polo xurado, tras a reunión virtual celebrada hai uns días.

En concreto, Álvaro Michelena resultou gañador na categoría Traballos Fin de Máster co seu traballo Aprendizaxe intelixente federado aplicado a sistemas automáticos para instalacións de control de fluído. Para concederlle o premio o xurado destacou a “excelente análise que realiza dunha solución con capacidade para simplificar as tarefas de identificación e control de niveis líquidos, permitindo detectar anomalías en tempo real: fallos en sensores, fugas, etc.”

Pola súa banda, Francisco Javier Ayala Esmorís levou o premio na categoría Traballos Fin de Grao polo seu traballo Citotoxicidade dos produtos de degradación de  microcontaminantes emerxentes sobre a  microalga  doceacuícola  Raphidocelis  subcapitata. Neste caso o xurado valorou o “rigoroso e pormenorizado estudo dos efectos tóxicos sobre o fitoplancto dos contaminantes emerxentes e dos seus produtos de degradación”.

Os dous gañadores levarán un premio de mil euros cada un e os galardóns serán entregados nunha cita, con data aínda por concretar.

Ademais, o tribunal decidiu facer unha mención especial, “pola súa creatividade e potencial divulgativo” ao Traballo Fin de Grao Efecto caracola, obra de Paula Calviño Suárez, María Jácome Iglesias e Alba Otero Dacal.

Traballos de alta calidade

O xurado desta segunda edición dos premios, formado polos membros do comité científico-técnico da Cátedra  Emalcsa-UDC, Moisés  Canle (presidente), Ricardo Vázquez (secretario), Anne  Marie Elisabeth  Gosset (vogal) e Juan Creus (vogal), subliñou a gran calidade dos traballos presentados. Segundo a acta, as propostas reflicten a “interdisciplinariedade do traballo no ámbito dos sistemas de auga urbana e poñen de manifesto a enorme amplitude que presenta este campo desde o punto de vista da investigación e o desenvolvemento”.

Tamén destacaron “a rigorosidade do traballo desenvolvido polos diversos autores baixo a supervisión dos seus titores, achegando tanto traballos cunha gran calidade técnica e metodolóxica, como orixinalidade na aproximación aos problemas”.

Desde a Cátedra sinalan “a importancia deste tipo de traballos académicos para achegar a contorna académica á sociedade, sobre todo o coñecemento e importancia dos diferentes campos relacionados coa xestión da auga no contexto da área metropolitana, e para a vida das persoas en xeral”.

Finalmente, o tribunal traslada as súas felicitacións a todos os participantes, especialmente aos e ás premiadas, e aos seus titores/as académicos e anímaos a continuar traballando, desde os postos que ocupan e coas capacidades que teñan, para mellorar o contorna da auga.

Últimas noticias