
O alumnado do ciclo de FP Dual en Xestión de Auga inicia prácticas remuneradas en Emalcsa
As persoas participantes nesta iniciativa pioneira en Galicia pasarán polos diferentes departamentos da empresa pública da auga da cidade
Noticias |
Emalcsa amplía o prazo para presentarse ao concurso de vídeo “A auga nun minuto”, organizado con motivo do Día Mundial da Auga. As persoas interesadas poderán tomar parte na iniciativa ata o 30 de abril, podendo facerse con premios de ata 500 euros.
O tema escollido este ano, seguindo unha vez máis o lema marcado polas Nacións Unidas para o Día Mundial da Auga, será “A auga subterránea: facer visible o invisible”. As persoas interesadas poden enviar un vídeo dun minuto de duración, como máximo, sobre esta temática abordada desde calquera perspectiva: medioambiental, hixiénico-sanitaria, educativa, de lecer, etc.
Apto para centros educativos e asociacións
Este ano hai dúas categorías para participar: para menores e maiores de 18 anos.
A de menores está deseñada a nivel grupal para que tanto os centros escolares como calquera tipo de asociación ou entidade poida enviar a súas propostas como afeccionados. Haberá tres gañadores que se levarán 500, 250 e 100 euros de premio para o centro ou entidade responsable, así como un diploma e agasallo particular para todos os membros do grupo gañador.
Na categoría de maiores de 18 anos, en cambio, haberá a posibilidade de participar de xeito individual ou grupal. Pretende incorporar propostas dun carácter máis profesional e, neste caso, os premios só serán os metálicos (500, 250 e 100 euros).
Como o ano pasado, os participantes deben pertencer ao ámbito territorial de actuación de Emalcsa: os concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Sada, Bergondo e Carral.
O obxectivo do certame é crear unha corrente de opinión e un debate público sobre a auga desde diferentes perspectivas e, no caso deste ano, resaltar a importancia dun ben tan relevante como a auga subterránea, normalmente invisible para as persoas.
Consulta as bases completas do concurso.