
O alumnado do ciclo de FP Dual en Xestión de Auga inicia prácticas remuneradas en Emalcsa
As persoas participantes nesta iniciativa pioneira en Galicia pasarán polos diferentes departamentos da empresa pública da auga da cidade
Noticias |
O alumnado da FP dual en Xestión da Auga posto en marcha este curso no CIFP Universidade Laboral en colaboración con Emalcsa están completando a súa formación con seminarios a cargo de empresas colaboradoras. A última celebrouse a semana pasada da man de ABN Distribución na que os estudantes puideron ampliar a súa formación teórica.
Ao seminario, ademais do alumnado e do titor do ciclo, asistiron técnicos de Emalcsa e dos concellos da área metropolitana, así como persoal da compañía. A xornada celebrouse na sede de ABN, no parque empresarial de Agrela. Deste xeito, a sesión rematou cunha visita ás instalacións para así coñecer de primeira man a organización e loxística desta empresa.
Durante este seminario contouse tamén coa colaboración de Belgicast-Talis, Electrosteel e Cofunco. Xunto a eles deseñouse un programa destinado ao coñecemento sobre os sistemas de condución e os seus elementos de control, de válvula, tubaxes en fundición dúctil e novas solucións para tapas de arquetas en vías publicas.
Esta formación completarase con outra xornada no mes de marzo sobre novas solucións en materiais plásticos para redes de distribución e saneamento, así como afondar nos mecanismos e elementos hidráulicos de control das redes.
A primeira destas sesións celebrouse na propia Universidade Laboral da man da empresa VonRoll-hydro, que ofreceu un seminario sobre a importancia da auga non medida e as tecnoloxías de localización de fugas en redes a presión.