
O alumnado do ciclo de FP Dual en Xestión de Auga inicia prácticas remuneradas en Emalcsa
As persoas participantes nesta iniciativa pioneira en Galicia pasarán polos diferentes departamentos da empresa pública da auga da cidade
Noticias |
Debido á boa acollida do concurso de vídeo de Emalcsa creado con motivo do Día Mundial da Auga, a compañía coruñesa repite este ano o certame “A auga nun minuto” e o mellora creando dúas categorías diferenciadas entre menores e maiores de 18 anos.
A temática deste ano, seguindo o lema marcado polas Nacións Unidas será “A auga subterránea: facer visible o invisible”. Así, haberá que enviar un vídeo dun minuto de duración como máximo sobre esta temática abordada desde calquera perspectiva: medioambiental, hixiénico-sanitaria, educativa, de ocio...
O prazo de participación xa está aberto e remata o 14 de marzo co obxectivo de que 22 de marzo, Día Mundial da Auga, se coñezan as persoas e centros gañadores.
Como o ano pasado, os participantes deben pertencer ao ámbito territorial de actuación de Emalcsa: os concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Sada, Bergondo e Carral.
Categorías e premios
Con obxectivo de facer máis atractivo o concurso, este ano haberá dúas categorías. A de menores de 18 anos está deseñada a nivel grupal para que tanto os centros escolares como calquera tipo de asociación ou entidade poida enviar vídeos. Haberá tres gañadores que se levarán 500, 250 e 100 euros de premio para o centro ou entidade responsable, así como un diploma e agasallo particular para todos os membros do grupo gañador.
Na categoría de maiores de 18 anos, en cambio, haberá a posibilidade de participar de xeito individual ou grupal. Pretende incorporar propostas dun carácter máis profesional e, neste caso, os premios só serán os metálicos (500, 250 e 100 euros).
O obxectivo do certame é crear unha corrente de opinión e un debate público sobre a auga desde diferentes perspectivas e, no caso deste ano, resaltar a importancia dun ben tan relevante como a auga subterránea, normalmente invisible para as persoas.
Ligazón ás bases completas.