Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso.
Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración de su navegador, en nuestra Política de cookies
Sala de prensa

Sala de prensa

Emalcsa renova o seu compromiso coa Universidade

Noticias |

A Empresa Municipal de Augas da Coruña renova o seu compromiso coa Universidade da Coruña ao asinar o novo convenio da Cátedra Emalcsa-UDC para os próximos tres anos. Foi a presidenta da compañía de augas e alcaldesa da Coruña, Inés Rey, quen formalizou hoxe este acordo co reitor da universidade, Julio Abalde.

Ábrese así unha nova etapa da cátedra coa que se pretende afondar na relación entre ambas institucións con máis recursos e novos retos. En concreto, Emalcsa achegará 170.000 euros anuais nesta nova etapa. A maior parte desa cifra, 150.000 euros (fronte aos 50.000 iniciais), destinaranse a crear un fondo que permitirá á cátedra xestionar os diferentes proxectos de innovación de xeito directo. Os 20.000 euros restantes sufragarán as labores de promoción e difusión das actividades, así como mellorar a relación entre os distintos grupos de investigación implicados e o persoal técnico de Emalcsa. Grazas ao novo convenio Emalcsa e a UDC afondarán na aplicación de criterios de excelencia nacalidade da auga distribuída e incidirán na dixitalización de procedementos que permitan un maior control de todo o ciclo.

“O Goberno municipal que presido ten un compromiso coa investigación e o desenvolvemento e o ten tamén coa nosa universidade, por iso desde Emalcsa estamos a impulsar proxectos innovadores, contribuíndo tamén a mellorar as oportunidades dos nosos investigadores e a ofrecer un mellor servizo de abastecemento aos cidadáns”, indicou Inés Rey.

O novo convenio mantén os obxectivos iniciais da cátedra de “organizar a investigación e a transferencia no ámbito dos sistemas de auga urbana, para desenvolver unha estratexia de xestión sostible e diferenciada na comunidade autónoma de Galicia”, mais aposta por un novo modelo de xestión e actuación máis complexo con varios órganos de goberno: a dirección da Cátedra, que actualmente ostenta o catedrático de Química Moisés Canle e que sería o responsable final de todas as accións, e o comité de seguimento, responsable da fiscalización e control das actividades. Estará formado polo director xeral de Emalcsa, o vicerrector de Investigación e transferencia da UDC (departamento do que depende a cátedra) e os directores da cátedra e do departamento de I+D+i de Emalcsa.

Mantense tamén o comité científico-técnico para garantir a calidade e a orientación das actividades, así como para promover as relacións internas entre os diferentes grupos de investigacións e centros da UDC. Está composto por 13 membros, incluíndo representantes das diferentes áreas de coñecemento da universidade.

A través deste sistema máis complexo preténdese garantir o éxito das accións pese ao aumento da actividade e recursos que supón este convenio. 

Antecedentes
Emalcsa e a UDC levaban colaborando máis de 25 anos en diferentes actuacións puntuais. De feito, desde que naceu a área de I+D+i da compañía de augas no 2013, aumentou notablemente o número de actividades conxuntas. Froito desta relación, en setembro de 2017 formalízase esta cooperación e nace a Cátedra Emalcsa-UDC, para optimizar os recursos e as iniciativas.

Durante este tempo desenvolvéronse máis de 30 convenios e contratos que mobilizaron investimentos por un valor total de 35 millóns de euros e que repercutiron positivamente en ambas institucións, pero tamén no tecido empresarial e social da cidade.

  • Emalcsa renueva su compromiso con la Cátedra de la UDC
  • Emalcsa renueva su compromiso con la Cátedra de la UDC
  • Emalcsa renueva su compromiso con la Cátedra de la UDC
  • Emalcsa renueva su compromiso con la Cátedra de la UDC

Últimas noticias