Noticias |
A Empresa Municipal de Augas da Coruña (EMALCSA) é unha das entidades ás que se dirixe a Orden SND/274/2020 do 22 de marzo que hoxe publica o Boletín Oficial do Estado (BOE), na que, baixo a sinatura do ministro de Sanidade Salvador Illa, ínstase a tomar “medidas tendentes a evitar posibles problemas de saúde mediante a garantía dos niveis de salubridade e hixiene tanto no subministro da auga como nos servizos de saneamento das augas residuais urbanas”.
Deste xeito, Emalcsa pasa a ser considerada “operadora de servizos esenciais” e así tamén poderá dispor dos produtos, substancias e materiais hixiénicos necesarios para garantir o cumprimento da normativa sanitaria aplicable ás augas de consumo humano. A Orde ministerial deriva do Real Decreto-Lei 8/2020, que sinala as medidas dirixidas a facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19 e establece que o subministro de auga potable para o consumo humano é un servizo esencial, que debe quedar garantido, especialmente nas actuais circunstancias.
EMALCSA asumiu estas diretrices desde o primeiro momento e mantén con total normalidade o subministro e a calidade da auga, ao que tras a Orde ministerial, en vigor namentres dure o Estado de Alarma, suma o acceso aos combustibles básicos para poder realizar o servizo nas condicións esixidas así como o permiso para dispor das existencias propias. Ademais, aválase o acceso de EMALCSA ao aprovisionamento dos produtos e materiais hixiénicos necesarios para o servizo, como xel hidroalcóholico, bactericidas, líquidos desinfectantes, mascarillas, ou traxes desechables.
Por último, segundo o publicado no BOE, corresponderá á administración autonómica ditar as resolucións, disposicións e instruccións necesarias para garantir a eficacia desta Orde.