Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso.
Pode obter máis información, ou ben coñecer como cambiar a configuración do seu navegador, na nosa Política de cookies
Sala de prensa

Sala de prensa

Entrega de premios do VI Certame de debuxo 'Vida silvestre do encoro de Cecebre'

Novas |

A VI edición do  Certame de Debuxo de Natureza Vida silvestre do encoro de Cecebre, organizado o Grupo Naturalista Hábitat en colaboración con Emalcsa, concluíu o 15 de febreiro coa entrega de premios aos traballos gañadores, celebrada na Casa da Auga. Contou coa asistencia de decenas de persoas e a presenza do alcalde da Coruña e presidente de Emalcsa, Xulio Ferreiro.

O rexedor felicitou aos participantes por "saber captar unha contorna tan especial como o do encoro e o bosque de Cecebre cuns debuxos igualmente especiais". Explicou que o ciclo da auga exemplifica a relación do Concello da Coruña coa súa área metropolitana, xa que "desde a presa de Cecebre, en Abegondo, beben todos os municipios da comarca, grazas a unha rede que pasa tamén pola planta de tratamento da Telva, en Cambre, e termina na depuradora de Bens, na Coruña".

Ferreiro sinalou, ademais, que a calidade da auga que distribúe Emalcsa, "unha das mellores de España" está directamente relacionada co coidado da contorna natural de Cecebre, moi rico en biodiversidade: "E a diversidade na natureza, como nas nosas sociedades, é un valor".


A próxima edición do concurso difundirase nos colexios

No acto interveu tamén Ricardo Vázquez, director de I+D de Emalcsa, quen afirmou que "o noso compromiso non é só fornecer auga, senón tamén protexer a súa orixe". De aí a importancia de implicarnos en iniciativas que divulgan o amor pola natureza, como este concurso de debuxo. E anunciou que, a partir da próxima edición, o certame artístico fomentarase nos colexios da área metropolitana, en colaboración coa Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

Precisamente, o xerente da Reserva da Biosfera, Jorge Blanco, destacou a frutífera colaboración desta entidade con Emalcsa, "en proxectos tan importantes como as iniciativas LIFE ou o concurso A auga non para, que estamos a desenvolver nos centros educativos con notable éxito". Tamén felicitou aos gañadores e organizadores por "este seis anos de arte e divulgación da biodiversidade" a través deste certame de debuxo.


Un certame que une e bate marcas

Finalmente, o presidente do Grupo Naturalista Hábitat, Ricardo Ferreiro, lembrou que esta asociación está celebranedo o seu 40 aniversario, "un tempo no que conseguimos que centos de persoas aprendan connosco e vivan a natureza". Neste sentido, renovou o seu compromiso co certame de debuxo, que recolleu xa máis de mil obras  e serviu para unir, "unir arte e natureza, unir xeracións e unir observación e aprendizaxe".

Esta VI edición do Certame de Debuxo de Natureza Vida silvestre do encoro de Cecebre bateu todas as marcas de participación, cun total de 194 ilustracións de 138 participantes. A temática, nesta ocasión, era captar a maxia do bosque encantado na contorna de Cecebre, evocando a novela O bosque animado, de Wenceslao Fernández Flórez. Os traballos poden verse na exposición instalada na planta baixa de Cásaa da auga.

  • Foto de grupo
  • Ricardo Vázquez
  • Xulio Ferreiro
  • Auditorio

Últimas novas