Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso.
Pode obter máis información, ou ben coñecer como cambiar a configuración do seu navegador, na nosa Política de cookies
Sala de prensa

Sala de prensa

Xulio Ferreiro destaca o traballo de Emalcsa para garantir o dereito á auga

Novas |

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participou este venres nunha xornada en Madrid, organizada pola Asociación Española de Operadores Públicos e Abastecemento e Saneamento (Aeopas) e a Empresa de Augas de Sevilla (Emasesa) e celebrada na sede do Ministerio de Transición Ecolóxica sobre o Dereito humano á auga e a tarificación nas políticas de transición ecolóxica. No marco dunha mesa redonda sobre políticas hídricas con representantes municipais de Córdoba, Sevilla, Valladolid e Zaragoza, o rexedor salientou o papel que desempeña Emalcsa, empresa de augas con 120 anos de historia e de titularidade municipal que dá servizo a máis de 400.000 persoas nos oito concellos da área metropolitana.

Ao fío, Ferreiro salientou que para cumprir cos mandados da ONU sobre o dereito á auga, "xa non vale con xestionar o subministro, senón que hai que velar por todo o ciclo da auga". Así, o tamén presidente de Emalcsa, explicou que esta "mantén unha escrupulosa vixilancia da rede de distribución, para evitar as perdas e facer máis eficiente o servizo". "Cada ano destínanse entre cinco e oito millóns de euros a renovar e coidar  as tubaxes, inversión moi superior á que levan a cabo moitas empresas privadas e que deriva en que, a día de hoxe, o 85% da rede estea renovada", apuntou.

 

Xustiza social na política de prezos

Por outro lado, o alcalde fixo fincapé na visión do abastecemento de auga dende a perspectiva da xustiza social. Así, recordou que os beneficios de Emalcsa son reinvestidos polo ben común da cidadanía. "E estes beneficios non os conseguimos cunha política de prezos elevados, xa que o custe da auga na Coruña está por debaixo da media estatal, sendo unha das primeiras medidas que tomou o actual goberno local da Coruña a de introducir a xustiza social nas tarifas da auga", comentou, para engadir que "na nosa cidade non se lle corta a auga a ninguén que non poida pagar".

No que atinxe á aposta pola innovación, salientou que tanto o goberno local como Emalcsa encontran na investigación unha forma de solucionar problemas presentes e futuros. Así, destacou o proxecto piloto posto en marcha en 2016 na Telva para detectar contaminantes emerxentes da auga, a Cátedra Emalcsa creada no 2017 en colaboración coa Universidade da Coruña para a loita contra o cambio climático e o control da calidade da auga, ou o observatorio da rede internacional GLEON para o estudo das augas interiores que se atopa no encoro de Cecebre.

Últimas novas