Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso.
Pode obter máis información, ou ben coñecer como cambiar a configuración do seu navegador, na nosa Política de cookies
Sala de prensa

Sala de prensa

Emalcsa cumpre 40 anos

Novas |

Hai 40 anos, o 7 de xullo de 1978, nacía a Empresa Municipal de Augas da Coruña (Emalcsa), que recolleu a testemuña da antiga Sociedad de Aguas de La Coruña S.A., que levaba desde 1903 abastecendo á cidade e a súa área metropolitana. A subministración de auga na Coruña, tal e como o entendemos na actualidade, ten xa 115 anos de historia.

 

Emalcsa foi inscrita no Rexistro mercantil polo notario Fernando Alba Puente, sendo alcalde José Manuel Liaño Flores, en cumprimento dun acordo daquela Corporación Municipal que se preparaba para a chegada da democracia. A súa antecesora, Aguas de La Coruña, S.A., comezou como empresa privada, e converteuse nunha compañía 100% municipal en 1967. Porén, seguía tendo unha estrutura administrativa propia do réxime privado, o que dificultaba tarefas como o axuste das tarifas. Por iso o Concello decidiu dar o paso de crear unha nova firma pública.


Unha historia de compromiso co servizo público

Neste catro décadas, Emalcsa tivo nove presidentes. Despois de José Manuel Liaño Flores viñeron Berta Tapia e Domingos Merino, o primeiro alcalde elixido democraticamente desde a Guerra Civil. Seguíronlles Francisco Vázquez, Federico de la Fuente, Javier Losada, Neves Vázquez, Carlos Negreira e, na actualidade, Xulio Ferreiro. Todos eles, de ideoloxías políticas moi diferentes, entenderon o valor de Emalcsa como empresa pública e apoiaron o seu crecemento e desenvolvemento.

Os primeiros Estatutos de Emalcsa contaban con 46 artigos detallando as responsabilidades e fins da empresa: "a prestación do servizo de abastecemento de augas á Cidade da Coruña e ao seu termo municipal. Tamén poderá atender discrecionalmente a dar o mesmo servizo aos municipios limítrofes, mediante os oportunos acordos". Un mandato ao que segue fiel 40 anos despois.

O primeiro documento aprobado foi un proxecto para o axuste dos prezos do servizo á realidade económica do momento. Grazas a esta medida, foi posible corrixir o déficit crónico no que se atopaba Aguas de La Coruña, S.A., e investir os beneficios na mellora do servizo. É nestes anos cando comeza a substitución de tubaxes de fibrocemento por outras de fundición, máis resistentes ás roturas.

A nova empresa adoptou a forma de Sociedade anónima (onde o Concello é propietario de todas as accións), cun capital inicial de 100 millóns de pesetas. O seu Consello de Administración tiña nove membros: O alcalde da Coruña como presidente, dous concelleiros da Corporación municipal e seis persoas elixidas polo Pleno do Concello en representación de entidades, asociacións e usuarios.


Un longo procedemento administrativo

O proceso de absorción da antiga empresa foi complicado. Ambas conviviron durante case once anos, ata que o 16 de febreiro de 1989 o alcalde Francisco Vázquez e o presidente do Consello de Administración, Federico de la Fuente, asinan a disolución de Aguas de La Coruña.

Catro décadas despois do seu nacemento, Emalcsa mantense como unha empresa totalmente pública, modelo de eficiencia na prestación de servizos e compromiso coa cidadanía. É herdeira dunha tradición de 115 anos, que comezou coa primeira traída de auga en 1903 e que continúa hoxe coas constantes da responsabilidade, a calidade, a innovación e a capacidade de adaptarse aos retos.

 

Últimas novas