Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso.
Pode obter máis información, ou ben coñecer como cambiar a configuración do seu navegador, na nosa Política de cookies
Sala de prensa

Sala de prensa

A Telva tratou case 35 millóns de metros cúbicos de auga no 2017

Novas |

Esta semana celebrouse a Xunta Xeral de Emalcsa, na que a nosa empresa pública realizou balance do traballo levado a cabo durante o ano 2017. Nese exercicio, a Estación de Tratamento de Auga Potable da Telva tratou 34,91 millóns de metros cúbicos de auga, un 2,84% máis que no ano anterior. O consumo incrementouse en similar medida: un total de 31,82 millóns de metros cúbicos, un 3,56% máis que o ano precedente, incrementándose nos segmentos doméstico (+0,8%) e non doméstico (+7,8%). O número de clientes totais sitúase nos 131.475, cun consumo medio de 128 litros por habitante / día, que se mantén por baixo da media española (132 litros por habitante / día).

Para garantir a mellor subministración posible á cidadanía, Emalcsa realiza un importante esforzo no mantemento na súa rede de tubaxes, e o ano 2017 non foi unha excepción. Nestes 12 meses renováronse 3,3 quilómetros de tubaxes, principalmente de fibrocemento, para ser substituídas por outras de fundición dúctil, máis resistentes ás roturas. O custo dos traballos ascendeu a 1.404.728,88 ?. Nestes momentos, a lonxitude da rede de Emalcsa é de 558,912 km, e o 77,9% atópase renovado.

O número de roturas fortuítas en 2017 foi de 118, o que establece un valor de 0,21 roturas por km de rede, moi por baixo das 0,40 recomendadas polo Ministerio de Medio Ambiente.

 

Obras e xestión de calidade

Dentro das obras de ampliación da rede, destaca especialmente o depósito de cabeceira situado en Almeiras, en Culleredo, cuxa construción comezou neste exercicio. Terá 5.800 m³ de capacidade e reforzará un punto crucial da rede de distribución. Nunha segunda fase melloraranse tamén as conexións existentes e instalaranse novas conducións para a entrada e saída de auga do depósito. O custo das obras é de 2.499.096,86 ?.

Ademais, Emalcsa mantivo ao día os requisitos necesarios para renovar ata 2019 os dous certificados de calidade que xa posuía: UNEEN ISO 9001 en Xestión da Calidade, UNE-NISO 14001 en Xestión Ambiental. E obtivo dúas novas certificacións, Sistema de Xestión do Risco nº GR-0001/2016 e Sistema de Xestión da Enerxía nº GE-2016/0002. Este catro certificados constatan o compromiso coa eficacia da empresa pública á hora de satisfacer as necesidades dos seus clientes, protexer o medio ambiente e facer fronte aos riscos.

 

Creación da Cátedra Emalcsa-UDC

En canto a investigación e desenvolvemento, destaca especialmente a creación da Cátedra Emalcsa-UDC, como ferramenta de consolidación do liderado de Emalcsa no deseño e desempeño nos sistemas de auga urbana. Unha das actividades fundamentais da Cátedra será desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación no ámbito da xestión sustentable da auga urbana.

Durante o pasado ano aprobouse, tamén, o primeiro Código Ético e de Conduta de Emalcsa, que recolle os valores da súa cultura empresarial e as pautas de conduta do seu persoal, tanto interna como externamente.

Últimas novas