Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso.
Pode obter máis información, ou ben coñecer como cambiar a configuración do seu navegador, na nosa Política de cookies
Sala de prensa

Sala de prensa

Emalcsa asume unha das vicepresidencias de Aeopas

Novas |

A Empresa Municipal de Augas da Coruña (Emalcsa) acaba de incorporarse á Xunta Directiva da Asociación Española de Operadores Públicos de Abastecemento e Saneamento (Aeopas), co  seu director xeral, Jaime Castiñeira, como un dos tres vicepresidentes da entidade. O pasado 4 de abril, en Badaxoz, tivo lugar a primeira reunión da nova directiva, que aprobou un plan de acción centrado en defender a xestión pública da auga, por ser un ben común, e na promoción do consumo de auga da billa fronte á embotellada.

Entre os primeiros obxectivos aprobados destaca a creación dunha guía técnica e administrativa para a remunicipalización de servizos relacionados co ciclo da auga, que está previsto publicar en novembro deste ano. Será unha ferramenta para que as institucións públicas poidan protexerse da mercantilización do uso da auga.

Aeopas tamén coordinará en todo o territorio nacional campañas de sensibilización en favor do consumo de auga da billa en lugar de embotellada, por ser máis económica e sustentable. Un exemplo é a iniciativa Progrifo, xa en marcha en lugares como Cádiz, Córdoba, Medina Sidonia ou a provincia de Huelva.

Composición da nova Xunta Directiva

Os representantes dos 54 operadores públicos do servizo de abastecemento de auga en diversas cidades de España deron o visto e prace á renovación do equipo directivo. O novo presidente é o deputado do Consorcio de Xestión de Servizos Ambientais da provincia de Badaxoz, Promedio, Manuel Antonio Díaz; coa vicepresidencia do conselleiro delegado da sociedade Medina Global, Santiago Gutiérrez, o conselleiro delegado de Aguas de Xàbia (Amjasa), Josep Lluis Henarejos, e o director da Empresa Municipal de Augas da Coruña (Emalcsa), Jaime Castiñeira.

O resto da xunta directiva queda configurada polo secretario xeral, que continuará sendo Jaime Morell; e os representantes da Empresa Municipal de Agua y Alcantarillado (Emaya), Jaume Femenías; a Empresa Municipal de Augas de Córdoba (Emacsa), Arturo Gómez; o Consorcio de Augas de Asturias, Julio Antonio Pérez; o Concello de Zaragoza, Joaquín García; e a Fundación Fundación Nueva Cultura del Agua, Leandro del Moral, que actuarán como vogais. Como xerente da asociación seguirá Luís Babiano.

Últimas novas