Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso.
Pode obter máis información, ou ben coñecer como cambiar a configuración do seu navegador, na nosa Política de cookies
Sala de prensa

Sala de prensa

Emalcsa e Improving Metrics organizan un encontro sobre o proxecto europeo BRAIN-IOT

Novas |

 

Dúas firmas coruñesas, a empresa municipal de augas Emalcsa e Improving Metrics, empresa tecnolóxica especializada en datos e Intelixencia Artificial, participan nun encontro internacional sobre o proxecto BRAIN-IOT, financiado con case cinco millóns de euros de fondos europeos FEDER, xunto a compañías internacionais como Siemens (Alemaña), Airbus (Francia), Instituto Superior Mario Boella (Italia), Paremus (Inglaterra), STMicroelectronics (Suíza), IDATE Digiworld (Francia), a Universidade de Grenoble (Francia), Robotnik (España), o Comisariado para a Enerxía Atómica e as Enerxías Alternativas CEA Tech (Francia) e a Fundación Eclipse Europa. A cita terá lugar en Cásaa da auga, do 2 ao 4 de outubro, coa participación de máis de 20 investigadores ingleses, franceses, alemáns, españois e italianos, membros das empresas que colaboran no proxecto.

A intención deste encontro é profundar nas actividades do proxecto BRAIN-IOT, siglas en inglés de: Modelo Baseado en Framework para Detección Confiable e Actuación en Sistemas da Internet das Cousas (IoT) Descentralizados Intelixentes. En poucas palabras, trátase dun proxecto ambicioso, que busca desenvolver unha metodoloxía para que distintas plataformas conectadas a Internet poidan traballar xuntas dun modo descentralizado, compatible, seguro e dinámico. É dicir, busca unha solución para facer que varios dispositivos autónomos (drones, sensores, sistemas de monitorización...) colaboren entre si e compartan información dun modo sinxelo e seguro, a través de estándares abertos.

A empresa galega Improving Metrics participa en a investigación e desenvolvemento dos elementos de Intelixencia Artificial e analítica de datos, ademais de encargarse da dirección de calidade do proxecto. A participación de Emalcsa baséase no estudo de escenarios, as probas de concepto en colaboración co CITEEC da UDC, e a aplicación destas tecnoloxías ás infraestruturas críticas.

 

Que é BRAIN-IOT?

Os obxectivos técnicos de BRAIN-IOT son lograr que dispositivos IoT heteroxéneos sexan capaces de cooperar en tarefas complexas, cun comportamento autónomo e dinámico, a través de federacións altamente dinámicas, capaces de soportar operacións seguras e escalables. Ademais, aspira a establecer métodos seguros de Autenticación, Autorización e Contabilidade (AAA) en escenarios IoT, e proporcionar solucións para o control da privacidade. Deste xeito, aspírase a desenvolver un sistema de integración rápida, que apoie o comportamento cooperativo intelixente e que permita aplicacións descentralizadas baseadas en IoT. A intención é crear ferramentas que permitan a toma de decisións baseada en datos de forma autónoma, eficiente, barata e segura.

As aspiracións estratéxicas de BRAIN-IOT son demostrar a viabilidade dun enfoque totalmente descentralizado, a través dunha cooperación estreita entre comunidades internacionais abertas, e na que cada unha das partes (tanto axentes públicos como privados) poida decidir que combinación de plataformas IoT é a que se adapta mellor ás súas necesidades. Deste xeito, facilítase a competencia leal entre os provedores de produtos e servizos da Internet das Cousas, dispostos a formar parte de ecosistemas empresariais colaborativos, respectuosos coa privacidade e a propiedade dos datos.

Ademas dos aspectos habituais de repaso dos paquetes de traballo incluídos no proxecto, o encontro da Coruña servirá para que os técnicos e investigadores coñezan de primeira man a dimensión e alcance das infraestruturas que compoñen un sistema de auga urbana. Para iso visitaremos o día 2 as instalacións de Cecebre, A Telva, Sistema de distribución, así como o CITEEC na UDC, que colabora no proxecto no marco da Catedra EMALCSA-UDC.

 

  • Visita BRAIN IOT
  • Visita BRAIN IOT

Últimas novas